O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou este martes o CPI Laureano Prieto da Gudiña, e o CEIP Bibei e o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo.
Martínez informou ao equipo directivo do CPI Laureano Prieto das obras de mellora dos accesos ao pavillón polideportivo que se executarán este ano e que incluirán a instalación dunha marquesiña. Acompañado polo director do centro, José Francisco Gago, e pola xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mercedes Gallego, percorreu as instalacións do centro educativo e comprobou a necesidade de mellorar os accesos ao pavillón polideportivo municipal, emprazado ao carón do CPI, e de instalar unha marquesiña, xa que na actualidade os alumnos e alumnas do centro teñen que atravesar o espazo que separa os dous edificios ao aire libre. Nesta actuación o departamento educativo investirá 22.000 euros.
O delegado territorial indicou que a Xunta executará estas obras de mellora durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que poidan estar rematados de cara ao inicio do próximo curso escolar.
Obras nos centros educativos en Viana do Bolo
Martínez tamén visitou os CEIP Bibei e o IES Carlos Casares, emprazados na localidade de Viana do Bolo, para comprobar o resultado das obras de mellora realizadas nestes centros de Primaria e Secundaria, respectivamente, e nos que a Consellería de Cultura e Educación investiu máis de 34.000 euros.
Rogelio Martínez iniciou a visita no CEIP acompañado pola directora do centro, Francisca Rodríguez, e pola xefa territorial do departamento educativo, Mercedes Gallego. Os traballos consistiron na reforma da instalación eléctrica, a reparación do patio cuberto, e a substitución do depósito de gasóleo, amais da protección da saída do comedor. As referidas actuacións supuxeron un investimento do departamento educativo de máis de 26.000 euros.
De seguido, trasladouse ao IES Carlos Casares, onde a Xunta investiu preto de 8.000 euros nas obras de impermeabilización e reparación de goteiras. Neste centro de educación secundaria, nos últimos cinco anos o departamento educativo tamén executou traballos de reparación da cuberta e da instalacións eléctrica que eleva a achega económica a 38.000 euros. O seu director, Carlos Ferreiro, acompañou ao delegado na súa visita.