Este programa mixto de formación e emprego contou cunha achega da Consellería de Traballo e Benestar de preto de 178.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, participou na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Emprende” posto en marcha o pasado mes de agosto e no que participaron 20 desempregados como alumnos de xardinería, procedentes dos concellos de Vilamartín, Larouco, Petín e A Rúa. No acto tamén estiveron presentes os rexedores dos catro concellos participantes nesta iniciativa Mª Jesús Candal, Joaquín Prieto, Miguel Bautista e Avelino García, respectivamente.
Durante os seis meses que durou este programa mixto de formación e emprego os alumnos recuperaron e acondicionaron no concello da Rúa a zona do parque infantil en Somoza e a súa contorna, os arredores da capela de Vilela, o parque municipal de Fonte e O Xestal. En Petín os alumnos deste obradoiro recuperaron as contornas dos centros sociais de Mones y Carballal, amais de acondicionar o espazo do antigo vertedoiro de Santa María. Polo que respecta ao concello de Vilamartín de Valdeorras, traballouse na zona das piscinas municipias e a zona do Bañadoiro. Por último, os desempregados que participaron neste programa mixto de formación e emprego executaron labores de xardinería na Aula de Natureza existente en Freixido, pertencente ao concello de Larouco.
No obradoiro de emprego “Emprende” a Consellería de Traballo e Benestar investiu preto de 178.000 euros.