O balance de actividade da Fundación Curros Enríquez durante o ano 2014 finalizou cun novo incremento das persoas atendidas polo personal desta fundación celanovesa nas distintas actividades de carácter cultural e turístico que ofrece.
A cifra do ano pasado superou en 4.000 persoas calquera outra anual desde a apertura da Casa dos Poetas en 2006, superando por vez primeira a cifra de dez mil persosas. O resultado concreto foi de 10.021 persoas atendidas, cifra que responde á suma dos visitantes da Casa dos Poetas (casa familiar do poeta Manuel Curros Enríquez), dos visitantes da Torre da Homenaxe en Vilanova dos Infantes, dos participantes nas actividades culturais organizadas por esta entidade e dos grupos concertados que solicitaron un acompañamento nos roteiros ‘Celanova: pedra e poesía’ e ‘Celanova: un paseo pola historia de Galicia’ que inclúen visitas ó Mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e a Castromao.
En canto aos datos de procedencia, case a metade (4.688) son galegos de fóra da provincia de Ourense. Destaca o aumento do número de persoas procedentes do resto de España (1.539) e en especial dos visitantes do país veciño, Portugal (539).
Máis da metade do total (5.844) achegáronse a Celanova formando parte de grupos concertados (145), dos cales volve salientar a cifra de grupos escolares atendidos que superou a doutros anos unha vez máis: 66 centros de ensino que desprazaron 2.821 estudantes. A cifra anual media é de 50 centros e 2.000 escolares.
Durante os meses de setembro a xuño a Fundación Curros Enríquez acolle numerosos destes grupos de escolares para realizar algunha das actividades organizadas ao redor dos escritores da vila. Moitos deles realizan o programa ‘Ven a coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’ que combina as visitas á Casa dos Poetas, ó Mosteiro de San Rosendo, á Virxe do Cristal e a Castromao cun percorrido urbano a través da poesía pola vila de Celanova.
Neste ano 2015 contactaron coa Fundación Curros Enríquez 30 grupos para realizar visitas, moitos para combinalas coa súa participación nos Concertos didácticos de órgano promovidos polo Concello de Celanova e patrocinados pola Secretaría Xeral de Cultura. Os servizos de acompañamento que está a ofrecer a Fundación Curros Enríquez obteñen os seus froitos coa recepción de centros que repiten a súa visita por quinta ocasión como farán en 2015 o CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras, o IES Castelao de Vigo e o IES de Rodeira de Cangas.