Considérano unha estratexia política de Xesús Vázquez para acceder á alcaldía da capital.
A Plataforma Pro Campus vén de mostrar o seu rexeitamento á implantación de “Enxeñería da Auga” no campus de Ourense. Este colectivo “ten moi presente que o peche de titulacións de futuro no ámbito científico-tecnolóxico en Ourense ten vido seguida dunha insuficiente compensación en forma de titulación sucedánea: as liquidacións dos primeiros ciclos de Química e Bioloxía e da licenciatura de Física foron edulcoradas coa implantación de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, Enxeñaría Técnica de Industrias Agrarias e Agroalimentarias e Ciencias Ambientais”, denuncian.
Por iso, agora alertan da “tomadura de pelo” que implica a implantación de “Enxeñería de Auga” no campus ourensán. E lembran que o Decreto 222/2011 establece que «deberá evitarse a especialización temperá e excesiva» que precisamente implicará este grao, xa que un título con ese nome existe actualmente como máster na Universidade da Coruña (http://www.udc.gal/ensino/detalleEstudio/index.html?language=es&codigo=4444V02).
“Se imperase o sentido común, non sería necesario dar máis explicacións. Pero neste momento todo apunta ao anuncio dunha titulación axustada á estratexia electoral da candidatura de Jesús Vázquez á alcaldía de Ourense”, reclaman.
Esa estratexia estaría relacionada coa especialización de Ourense como o Campus da Auga. “Con Jesús Vázquez como conselleiro, en decembro aprobouse unha inversión de máis de 5 millóns de euros para o que, semella, será o edificio do Campus da Auga. Neste contexto, a publicada e non desmentida idea dunha «Enxeñaría da Auga» constitúe unha proposta ad hoc para a candidatura de Jesús Vázquez á alcaldía”, aseguran dende a Plataforma Pro Campus. “Repúnanos este escenario de intriga política, proxectos faraónicos e cultura do pelotazo que se está a plantexar en torno á a universidade”, conclúen.