A Consellería de Traballo investiu 180.000 euros nesta iniciativa, que abrangue os Concellos de Padrenda, Pontedeva e Cortegada, e formou a unha vintena de alumnos en albanelería e xardinería.

 

A Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 180.000 euros para o desenvolvemento do obradoiro de emprego ‘Ruta dos Muíños II’, que tivo lugar en Padrenda e incluíu tamén aos concellos de Pontedeva e Cortegada, e no que participaron 20 alumnos nas especialidades de albanelería e xardinería.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, clausurou este 16 de febreiro esta iniciativa, que ofrece aos participantes un acceso a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, “proporciona unha formación teórica e práctica da máxima calidade, vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional”.

Segundo indicou Mato, desde 2009 tense financiado actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos obtiveran un certificado de profesionalidade. Neste novo ano reforzouse a aposta pola formación ao destinar un total de 66 millóns de euros, un 4,5% máis que o pasado ano, o que vai permitir ofrecer formación a 25.000 novos traballadores durante o 2015, a práctica totalidade das accións vinculadas á obtención dun certificado de profesionalidade.

A titular de Traballo engadiu que, ademais, os obradoiros están ligados á realización de obras ou servizos beneficiosos para a comunidade. No caso do obradoiro ‘Ruta dos Muiños’ acondicionouse o contorno dos monumentos, áreas recreativas e marxes fluviais dos tres concellos participantes.

Continuación en 2015
Esta formación dual súmase aos obxectivos que perseguen os obradoiros de emprego. En concreto, na provincia de Ourense financiáronse 13 obradoiros, nos que participaron 31 concellos, 3 mancomunidades e 263 alumnos, cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

A responsable de Traballo sinalou que o departamento vai seguir reforzando esta aposta polos obradoiros. En 2015 blíndase a orde anual, o que vai permitir poñer en marcha outros 50 programas mixtos e, ademais, convocouse por primeira vez unha orde para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que contará cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así pois, en total investirase arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 70 obradoiros ao longo do presente ano.