A sede provincial do Partido Popular de Ourense acolleu este 16 de febreiro a segunda (trala de Ribadavia) das dez reunións que o Comité Provincial de Campaña ten planificadas con todos os candidatos e presidentes locais nos partidos xudiciais da provincia.

 

A reunión, -que estivo presidida polo coordinador do Comité Provincial de Campaña, Jorge Pumar-, serviu para analizar cos candidatos e presidentes locais de parte dos municipios integrantes dos partidos xudiciais de Celanova e Xinzo de Limia (A Bola, Cartelle, Celanova, Cortegada, Gomesende, A merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia) , a situación socieconómica de cada concello,  as liñas estratéxicas que deben comprender os programas electorais locais, así como o programa electoral provincial. Na reunión tamén se analizaron os prazos que prevé a lexislación para artellar todo o proceso electoral e a configuración das candidaturas que concurrirán aos comicios.

O coordinador do Comité de Campaña, Jorge Pumar, explicou neste encontro as directrices da campaña electoral e abriu unha quenda de intervencións para que os candidatos e presidentes locais aportasen as súas propostas para continuar configurando os actos previstos, así como iniciativas para a súa inclusión nos programas electorais. Pumar matizou que «a 97 días da celebración dos comicios, o PP de Ourense é a única forza política que ten designados aos seus candidatos nos 92 concellos da provincia e, ademáis, a única que garantiza gobernos locais sólidos e solventes a partires do 24 de maio».