Este acordo será elevado a aprobación nun pleno extraordinario este 20 de febreiro, no que tamén se tratará a reforma da Praza de Abastos de Ourense.
Este venres terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Ourense unha sesión extraordinaria de Pleno, na que se elevarán a proposta de aprobación dous puntos. Por unha banda, o convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Ourense en materia de actuación dos ARRU do Casco Histórico de Ourense e ARRU do Polvorín, Camelias e A Carballeira; e por outra o compromiso de aportación plurianual do Concello de Ourense con destino á execución do proxecto de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos da Ponte.
Con respecto ao primeiro punto da orde do día, o Concello de Ourense aportaría 121.759 euros (29,28% do total) no ARRU Casco Histórico de Ourense (13ª fase). Desta financiación, 16.250 euros corresponderían a 2015, e 105.509,85 euros á anualidade 2016. O custe total desta actuación, que inclúe a rehabilitación de 18 vivendas, estímase en 415.837 euros.
No correspondente ao ARRU Polvorín, Camelias e Carballeira (segunda fase), o Concello de Ourense aportaría o 56,34% -256.577 euros-, no que se prevé a rehabilitación de 8 vivendas. Á anualidade 2015 corresponderíanlle 7.150 euros, e á 2016, 249.427,55 euros. O total estimado desta actuación é de 455.375 euros.
O convenio distribúe a aportación económica prevista nas catro partes participantes nos proxectos: Fomento, a Xunta , os particulares, e o propio Concello de Ourense.
Financiación do 35% do proxecto da Praza de Abastos
Tamén nesta sesión de pleno extraordinaria será elevado a aprobación o compromiso de aportación plurianual do Concello para a execución do proxecto de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1 de Ourense. Este punto corresponde á solicitude de subvención con cargo á convocatoria de axudas no marco do proxecto do 1,5% cultural do Ministerio de Fomento, cuxo importe total é de 5.619.642,89 euros.
O acordo propón que o Concello de Ourense aporte o 35%, 1.966.875.01 euros, en 2016, e Fomento o 65% do total (1.584.764,82 euros en 2015 e 2.068.003,06 euros en 2016).