A mostra recolle obras en pintura e escultura de cinco artistas de Vigo e Ourense.
Do 21 de febreiro ao 14 de marzo, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra colectiva ‘As cores galegas’, na que participan cinco artistas de Vigo e Ourense que presentan pinturas e esculturas caracterizadas pola diversidade de estilos, temáticas, formatos e materiais.
Os artistas que as expoñen forman parte do colectivo Neos-Art, no que se integran José Luis Miranda, Solveira CH, Elsa López Jorge, Antonio Abalde e Richard.
Miranda é un pintor vigués, de estilo fundamentalmente pop-art, pinta con acrílicos en formatos medianos e grandes. As súas obras son de cores limpas e composición directa. A súa inspiración son temas de actualidade.
Solveira tamén é natural de Vigo. De grande versatilidade estilística e técnica, realiza desde paisaxe de estética realista, en grandes murais, a mariñas coloristas con predominio das liña, até unha abstracción xeométrica expresada con compoñentes matéricos, mesturando áridos con óleos.
Elsa, que reside actualmente en Ourense, destaca por composicións figurativas de estética naif, protagonizadas por personaxes femininos e pola mirada arcaica do subconscente. Como paisaxista, inspírase no interior e na costa galega.
O tamén vigués Antonio Abalde permítenos recrearnos polas paisaxes outonais galegas en todo o seu corido. De estética figurativa e utilizando pintiras ao óleo, pon atención no detalle na execución das obras.
Richard, escultor de Vigo, posúe unha obra absolutamente conceptual. A partir dos obxectos metálicos producidos pola sociedade de consumo que nos caracteriza; reclasifica, reordena e modela un mundo de figuras imaxinarias, coas que expresa a súa creatividade.
A exposición pódese visitar das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas, de luns a sábado.