Oito concertos de recoñecidos artistas, un encontro con Paul O’Dette, un curso de interpretación de clarinete da man de Vienna Clarinet Connection e unha mostra de instrumentos musicais da Idade Media forman a completa programación deste oitavo festival.

 

Do 6 ao 15 de marzo chega a oitava edición do Festival Internacional de Música de Ourense “Pórtico do Paraíso”, organizado polo Concello en colaboración con AGADIC, coa programación máis ambiciosa da súa historia, segundo o seu director, Juan Enrique Miguéns, “tanto polo número de concertos como pola extraordinaria calidade dos intérpretes”.

Serán 10 días de viaxe musical por nove siglos, dende o XII ata o XX, no que artistas de sete países distintos encherán a cidade das Burgas da mellor música de cámara. No tocante á ubicación dos concertos, aos espazos habituais deste festival (como son a Catedral, a Igrexa das Caldas ou a de Santa María Nai) súmaselle este ano o Museo Arqueolóxico.

Programación
Esta oitava edición será inaugurada o 6 de marzo ás 21 horas na Catedral, coa actuación do grupo vocal francés Ensemble Jaques Moderne. A programación estenderase á igrexa de Santa María Nai con tres recitais a cargo do dúo español de violas da gamba que integran Fahmi e Rami Alqhai (o sábado 7), do estadounidense Paul O’Dette e o seu laúde renacentista (o martes 19), e da clavecinista francesa Céline Frisch (sábado 14).

Pola súa banda, o dúo instrumental suízo Ensemble Peregrina presentarase o mércores 11 de marzo no Museo Arqueolóxico; mentres que os italianos Marco Beasley, á voz e ao clavecín, e Guido Morini, ao piano, serán os encargados de pechar a programación deste ano co concerto que ofrecerán o domingo 15 na igrexa de Santiago das Caldas.

Como en anos anteriores, o Teatro Principal tamén se suma ao programa, desta volta como escenario das actuacións do grupo vocal alemán Amarcord (o domingo 8) e do cuarteto de clarinetes austríaco Vienna Clarinet Connection (o venres 13).

É unha completa, variada e novidosa programación “pensada para que os amantes da boa música gocen”, dixo o director do Pórtico.

Agás as dúas citas no Principal, o resto dos concertos son gratuítos.

Actividades paralelas
O ciclo de concertos complétase como cada ano con actividades paralelas. Nesta ocasión tratarase dun encontro co laudista Paul O’Dette o luns 9; e un curso de interpretación de clarinete que impartirán os días 14 e 15 os integrantes do Vienna Clarinet Connection. Ambas as actividades terán lugar no Conservatorio de Música.

Así mesmo, o Museo Municipal acollerá durante os días de festival a exposición ‘Instrumentos musicais con historia’, á que se poderá acceder de balde. Laúdes, violas, salterios, arpas ou rabeis son algunhas das pezas procedentes da Colección Emilio Villalba e Sara Marina, de Sevilla, a través da que se ofrecerá un percorrido pola tradición musical da Idade Media, e que os propios organizadores da mostra tocarán durante o festival, como sinal do “carácter pedagóxico desta mostra”, explicou o Miguéns.