A banda de rock&roll ofrecerá todo un espectáculo no que, ademais de temas inéditos, tocará cancións dos seus traballos anteriores.

 

Priscila, o grupo de música máis consolidado da cidade de Ourense, actúa o vindeiro 21 de febreiro no Auditorio Municipal de Ourense. Todo un espectáculo que dará comezo ás 21 horas, con apertura de portas ás 20.30 horas.

A música será a protagonista desta cita, aínda que a banda garda algunha que outra sorpresa para agasallar aos presentes. Sobre o escenario estarán os catro intérpretes do grupo, Fernando González, á voz do grupo; Miguel Fidalgo e Aitor-Víctor Fernández, ás guitarras; e Jorge Iglesias, á batería.

A finalidade do concerto é a presentación de «Cenizas», o novo traballo de Priscila que vía a luz o pasado mes de novembro, disco que inclúe temas que se escoitarán o vindeiro sábado, como «Superpunky», «Caradura», «Aquella noche» ou «Duermo solo».

Os asistentes poderán sacarse fotografías no photocall á entrada ou a saída do concerto, momento no que, ademais, poderán mercar o novo disco do grupo e falar cos compoñentes da banda, que ofrecerán tamén unha firma de discos. As entradas anticipadas poden mercarse na plataforma on-line de Servinova.com.

Tras unha traxectoria musical de oito anos composta por máis de 200 concertos entre Madrid e Galicia, unha extensa actividade nas redes sociais, máis de 800 copias vendidas das súas dúas primeiras demos, así como máis de 1000 exemplares do primeiro EP editado «Priscila», o grupo ourensá comeza a consolidarse.