O municipio de Celanova destaca como a terceira cabeceira comarcal con maior velocidade de xeración de novos postos de traballo na provincia, ao achegarse ao 3%, segundo datos do Observatorio Económico da Deputación.
Terra de Celanova destaca en xeración neta de emprego, en forte redución do desemprego, en recuperación do sector servizos e das actividades tecnolóxicas, así como nunha alta especialización na industria da madeira e nos subsectores agrícolas dos cereais e das carnes. Este resumo forma parte das conclusións do Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense que foron presentadas este xoves no Salón de Plenos do Concello de Celanova, nun acto ao que asistiron alcaldes, técnicos de emprego, axentes empresariais e sociais, e representantes asociativos de toda a comarca.
O xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, precisou que Terra de Celanova foi en 2014 a cuarta comarca da provincia con maior xeración neta de empregos, ao pechar o ano cun auxe do 1% no número total de postos de traballo, situado agora en 4.750. Outro feito salientable é que o municipio de Celanova convertiuse na terceira cabeceira comarcal máis activa en creación de emprego. Acadou un ritmo medio anual do 2,8%, só superado polo 3,8% de Allariz e polo 3,1% de Viana do Bolo.
Ademais, seis dos dez concellos de Terra de Celanova pecharon o ano con xeración neta de emprego. Foron os casos de Quintela de Leirado (5,2%), Pontedeva (4,1%), Celanova (2,8%), A Bola (2%), A Merca (1,3%) e Gomesende (1,1%). Mentres, Verea conservou o seu mercado laboral tal e como principiara o ano, con 223 empregos locais, Cartelle sufriu a maior redución comarcal (-3,4%), Padrenda perdeu un 1,2% e Ramirás limitou o descenso ao 0,3%.
Fortes reducións do desemprego
Xunto co bo comportamento das afiliacións, a comarca presentou no seu conxunto unha salientable evolución do paro rexistrado. Baixou a forte ritmo nos dez concellos, e en seis deles houbo descensos a dobre díxito, cos mellores rexistros para Pontedeva (-22% de caída interanual), Verea (-20%) e Ramirás (-13%). O municipio de Celanova estivo entre os que acadaron o 10% de baixada do paro en 2014.
Con eses bós rexistros, Terra de Celanova mantense como a comarca ourensá con menor incremento do paro desde o inicio da crise. Desde decembro de 2007 xa só acumula unha subida do 7,8%, nivel ao que só se achegan A Baixa Limia (8,1%) e Viana (8,8%).
Na presentación de resultados tamén trascendeu a destacada recuperación que presentan o sector tecnolóxico e o sector servizos na comarca. O primeiro logrou aumentar nun 23% o número de empregos no período de dous anos, ritmo similar ao dos servizos, que só en 2014 asinou a xeración dun 9,3% de novos empregos.
Segundo o Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense, Terra de Celanova presenta unha forte especialización na industria da madeira e en dous dos subsectores agrícolas máis representativos da provincia, o de cereais e fariñas e o de carnes e derivados.