Ao longo deste fin de semana conclúen as actividades programadas con motivo do Entroido 2015 na vila do Támega.
Na xornada do Sábado de Piñata, a partir das 17 horas no Centro Sociocomunitario de Verín, terá lugar unha sesión de baile para usuarios coa que apurar as últimas horas para despedir o Entroido. Trátase da primeira vez que neste centro se organiza un acto en colaboración coa organización dos festexos do Entroido, no que a animación musical correrá a cargo da Grupo Instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín, que interpretará un repertorio composto por medio centenar de temas bailables variados que bandas populares e orquestras de verbena popularizaron na segunda metade do pasado século.
E xa o 22 de febreiro, Domingo de Piñata, xantar popular para comparsas e carrozas, no que se entregarán os galardóns ao Cigarrón de Honra, o premio á mellor comparsa, o premio á mellor carroza, o premio O ‘Pescadilla’ e o galardón á Fidelidade. A partir das 17 horas, música e baile nas prazas Maior e García Barbón coa Disco-Móvil Gramola, para finalizar o Entroido 2015.