Presentación de Ociourense 2015

Son 18 propostas lúdicas para as fins de semana entre marzo e maio.

 

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense organiza unha nova edición de Ociuurense, o programa de actividades saudables para o tempo de lecer da mocidade ourensá durante as fins de semana.

A concelleira de Saúde, Marga Martín e os técnicos municipais Paz Villar e César Fernández, presentaron o programa deste ano, que pón á disposición de mozos e mozas de Ourense un total de 18 actividades, de carácter gratuíto, que se desenvolverán dende o 6 de marzo ata o 31 de maio.

O programa de Ociourense 2015 inclúe, entre outras, as seguintes propostas: BTT, Piragüismo, Escalada, Parkour, Buceo, A bailar, A cociñar, Foto en ruta, Sábados de cine, Camiñar na noite, Xogos de sempre, Globoflexia, Cócteles sen alcohol, Maxia para ligar e Concurso de cócteles.

O programa péchase o día 30 de maio cun xogo de rol en vivo e o 31 de maio cunha andaina, e durante os tres meses estará aberto o concurso “Caza foto”.

Unha das novidades deste ano son os Sábados de cine, coa proxeccións de seis películas, na Biblioteca Pública de Ourense, os sábados, cada 15 días, ás 18 horas. “Deixade de quererme”, “Brutos, feos e malo”, “Come, dorme e morre”, “Mundo pequeño”, “Crazy”e “Un dos nosos” son os títulos que se proxectarán, en colaboración coa Biblioteca e o Cineclube Padre Feijoo.

Outra das novidades son tres obradoiros de maxia para ligar; e Foto en ruta, roteiros de catro horas pola cidade durante os que aprender a facer fotografías.

Tamén é novidoso un concurso de cócteles sen alcohol que se celebrará o o 16 de maio e para o que se implicará a bares da cidade.

En total ofértanse máis de 700 prazas, cifra que aumentará ata o milleiro cando se sumen os participantes no xogo de rol en vivo e na andaina. “Animo a la gente a venir, son muchísimas horas de ocio, son actividades que no están al alcance de todos”, explicaba o seu coordinador, César Fernández. En particular, os responsables da Concellería de Saúde animaban aos máis novos a inscribirse: “os máis pequenos, de 14 e 15 anos son os máis reticentes mentres que mulleres de máis de 25 anos son as que máis participan”, apuntaba Marga Martín. Para cambiar esta dinámica, Ociourense publicitarase nos institutos ourensáns.

Inscricións
As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos. As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web www.ociourense.es, ou informarse no 988 510 622. O programa divídese en 3 bloques: bloque 1, dende o 6 ata o 28 de marzo, bloque 2, do 10 de abril ao 2 de maio e Bloque 3, do 8 ata o 31. As inscricións fanse por bloques, abríndose o prazo 15 días antes do inicio do bloque.

Ociourense é un programa de prevención de drogas cofinanciado entre o Concello de Ourense e o Ministerio de Sanidade. Neste 2015 o orzamento é de 60.000 euros, dos que o Ministerio achega 48.000 euros e a administración local 12.000.