Segundo datos do Observatorio Económico da Deputación de Ourense.
Na presentación comarcal do Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense, realizada en Bande polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, acompañado polo alcalde da vila, José Antonio Armada, trascendeu que, por primeira vez en toda a crise, a comarca da Baixa Limia logra que a perda de afiliacións caia por debaixo do 1% en taxa interanual, ao saldar o ano 2014 cun case inapreciable descenso do 0,2%.
Dous concellos, Entrimo e Muiños, conseguiron crear emprego neto o ano pasado, nos seus respectivos mercados de traballo.En varios períodos de 2014, A Baixa Limia chegou a converterse na primeira zona da provincia en contabilizar xa menos parados que antes do inicio da crise, pero pechou decembro cun 8,1% de aumento acumulado desde decembro de 2007.
Con todo, esta bisbarra asinou o descenso interanual máis forte da provincia, cunha redución do 12,5% na cifra total de parados, situada en 520.
O paro interanual baixou en todos os concellos, agás en Lobeira. As reducións máis importantes de 2014 déronse en Lobios (-25,3%) e en Bande (-15,6%).
Emprego por sectores
O 55% do emprego industrial da comarca concéntrase no subsector da alimentación e bebidas, segundo recolle o Observatoro Económico. A hostalaría xera a terceira parte dos empregos comarcais do sector servizos.
En dous anos, entre setembro de 2012 e o mesmo mes de 2014, as afiliacións dos sectores tecnolóxicos creceron un 114,3%, pero en cifras absolutas aínda acadan un valor baixo, xa que en toda a comarca só se contabilizan 45 empregos tecnolóxicos.
No período de dous anos analizado polo Observatorio Económico Ourensán -de setembro de 2012 a setembro de 2014- medrou un 32,3% o emprego no sector servizos. Destaca a subida no grupo das actividades profesionais e técnicas, cun repunte do 96%.
O sector do comercio e da distribución impulsa un total de 240 postos de traballo na Baixa Limia, un 23% máis que hai dous anos.