A conselleira de Infraestruturas avanza que a mediados de marzo se asinará o convenio coa Sareb que permitirá incorporar as primeiras vivendas para ofertalas como alugueiros sociais a familias con especiais dificultades económicas.

 

A Xunta convidará aos concellos galegos e ás colectivos sociais a participar na divulgación das medidas e programas cos que conta a Administración autonómica para evitar situacións de especial risco. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, compareceu no Parlamento para expor o Plan de Vivenda de Galicia 2015-20, o Plan rehaVIta, e avanzou que, de xeito inmediato, se iniciará unha rolda de contactos con distintas institucións e colectivos.

Neses encontros, a Xunta exporá medidas xa en marcha como o programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias e outras novidosas, ou o Bono Alugueiro, un programa para o apoio urxente a familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda, evitando dese xeito os desafiuzamentos por impagamento da renda.

Outra das medidas que se porá en marcha é o acordo de colaboración coa Sareb, que se asinará a mediados de marzo, e que permitirá incorporar as 100 primeiras vivendas para aumentar a oferta de vivenda pública, co obxectivo de ofertalos como alugueiros sociais a familias con especiais dificultades económicas.

Plan de Vivenda de Galicia
Grazas a este plan, ademais de facilitar o acceso a un fogar a aqueles que máis o necesitan, espérase fomentar a rehabilitación; beneficiará a máis de 152.000 galegos e suporá mobilizar 600 millóns de euros, dos cales 307 serán investimentos directos da administración pública, é dicir, un 10% máis que no quinquenio anterior, e que permitirá crear 26.500 postos de traballo.

Tal e como explicou a responsable de vivenda da Xunta de Galicia, o Plan rehaVIta articúlase arredor de catro eixes: Acceso á vivenda; Rehabilitación de vivendas e renovación urbana; Prevención da exclusión residencial; e outras medidas en materia de vivenda.

O primeiro eixe, de Acceso á vivenda,  conta con catro programas de actuación, cos que se procurará poñer ao alcance das familias, especialmente das máis desfavorecidas, unha vivenda adecuada e ao que se destinarán máis de 107 millóns de euros, case unha terceira parte do orzamento.

Tamén se recolle un programa de apoio aos adquirentes e cooperativas de vivendas de protección autonómica, e por último, o de alugamento de vivenda.

No que respecta ao alugamento destaca tamén o impulso e coordinación por parte do IGVS dos programas xestionados polos concellos para que acheguen vivendas baleiras propias ou de particulares para destinalas a alugamento. A Xunta asumirá o seguro multirrisco e de impagamento da renda, así como de asistencia xurídica.

O segundo eixe, de Rehabilitación de vivendas e renovación urbana dotado con 134 millóns de euros, un 44% do orzamento do plan, reúne todas as actuacións destinadas á rehabilitación do parque de vivendas construído co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos habitantes das ditas vivendas, reducir o impacto no ambiente ao rebaixar a necesidade de construción de novas residencias, fixar poboación nos núcleos históricos e rurais e, en definitiva, un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

A prevención da exclusión residencial é o terceiro eixe do Plan, co que se pretende dar cobertura ás situacións de especial risco naquelas familias en que o custo da vivenda supón unha porcentaxe moi alta dos seus ingresos, por seren estes baixos.

E o cuarto eixe inclúe medidas normativas, estudos e traballos relativos á calidade da construción e normativa técnica, posta en funcionamento do rexistro de informes de avaliación dos edificios e regulación do Rexistro de Promotores da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras cuestións.