.Consolidando unha liña de colaboración que se iniciou en 2011 co Hospital de Verín e posteriormente co CHUO.

 

A sinatura dun convenio de colaboración entre a Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense e a Escola Superior de Enfermería “Timoteo Montalvao Machado” de Chaves permitirá aos seus alumnos realizar prácticas en todo os centros hospitalarios e de Atención Primaria do Sergas en Ourense.

O convenio, asinado pola responsable da Xerencia, Eloína Núñez, e pola presidenta do Consello de Dirección da Escola de Chaves, María Ines Pereira, consolida a liña de colaboración establecida xa en 2011 entre este centro docente transfronteirizo e o Hospital de Verín xa en 2011, facilitando así a realización de prácticas tamén dos alumnos de 4º curso, que ata agora non podían acceder, completando así a súa formación practica e ampliando os itinerarios docentes a totalidade de unidades de enfermería.

Desde o inicio da colaboración, en 2011, xa son máis dun cento os alumnos desta escola que completaron a súa formación práctica nos centros sanitarios do Sergas en Ourense, concretamente nos hospitais de Verín e Ourense, mediante o establecemento de dous convenios específicos, en xaneiro en Verín e en xuño en Ourense.

Estes convenios posibilitaron a formación de alumnos de Escola de Chaves en ambos os dous hospitais en diferentes períodos dos anos lectivos 2012-2013; 60 alumnos de 1º, 2º e 3º; 2013-2014: 46 alumnos de 2º e 3º; e no actual curso 2014-2015: 25 alumnos de 2º e 3º neste primeiro cuatrimestre, aos que se engadirán 10 mais este ano.

A nacionalidade dos alumnos da Escola “Timoteo Montalvao Machado” de Chaves que solicitan prácticas en Ourense é maioritariamente española, con residencia nalgúns dos concellos da provincia, moitos deles compatibilizando traballo e estudos, polo que a realización das prácticas nun centro próximo a súa residencia facilita en gran medida completar seu ciclo docente, pero cada vez mais, alumnos portugueses solicitan esta posibilidade, como vía para coñecer de primeira man o sistema sanitario público de ambos países.

O itinerario de prácticas tuteladas pasaba ata agora polas Unidades de Hospitalización, médica e cirúrxica, Área Materno-Infantil e Saúde Mental e, mediante este convenio, agora ampliarase aos Centros de Saúde de Verín e Ourense, e xa hai peticións de prácticas no Hospital Comarcal de Valdeorras, así como nos centros de saúde desta área.

Ademais desta extensión en canto a centros e itinerarios docentes, a principal vantaxe do convenio é que dáun marco legal regrado para iniciar as prácticas dos alumnos de 4º curso, que é cando en Portugal están programadas as prácticas en atención primaria.