Será o sábado 28 de febreiro, ás 20.30 horas.
No disco numero once da súa carreira musical, e primeiro íntegro de composicións propias, María do Ceo ponlle música a Eduardo Blanco Amor e a Armando González. Se na súa anterior gravación ‘Fado con outro acento’ utilizaba a lingua portuguesa, en ‘Soños cumpridos’ presenta cinco temas en castelán (catro boleros e unha balada) e nove cancións en galego, con ritmos de fado, bolero, balada e unha de pasodobre.
María do Ceo proporá no acto un percorrido polas letras do disco e presentará un anecdotario sobre as composicións. Está prevista a presencia do guitarrista José Salgado e do laudista Álex Salgado, polo que é de esperar que a cantante interprete algúns temas a capela ou acompañada de ambos os dous.
No evento, de entrada libre e gratuíta, poderase adquirir o libro-disco, que dedicará persoalmente a fadista a quen o desexe; prologado polo polifacético poeta, cantante, produtor e cineasta Antón Reixa, contén fotos inéditas, entre outras do poeta Eduardo Blanco Amor, autor de A Esmorga, do que se cumpre este ano o 35 aniversario da súa morte.
Para a produción de ‘Soños cumpridos’, María do Ceo utilizou por primeira vez o crowdfunding ou micro-mecenado. Esta fórmula de financiamento colectiva fixo posible que, tan só en tres semanas, conseguise anticipadamente a venda dos primeiros mil exemplares, antes incluso da gravación e estoxo do libro-disco.