O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, presidiu o acto de entrega de distincións a sete destes profesionais voluntarios.

 

O Salón do Trono da Subdelegacón do Goberno de Ourense foi o escenario escollido para a entrega de distincións a sete membros ourensáns da Rede Radio de Emerxencias, que conta con 64 colaboradores na provincia e catro mil en todo o Estado.

Esta Rede Radio de Emerxencias de Protección Civil (REMER) está formado por miles de radio afeccionados que colaboran de xeito voluntario para coordinar mediante as ondas aos distintos servizos de Protección Civil que interveñen nunha situación de emerxencia. Todos esles están estruturados permanentemente baixo un plan de actuación denominado Plan Mercurio.

E para agradecer este gran labor que realizan a diario polo ben da cidadanía tivo lugar en Ourense esta homenaxe a sete dos seus membros, presidida polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro, que estivo acompañado doutras autoridades, como o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o subdelegado de Defensa, Ramón Rey; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Manuel Javier Novo; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Amable Valcárcel; o xefe de unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, Indalecio Freire; e a intendente xefe da Policía Local de Ourense, María Barrera.