Xosé Ramón Besteiro

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que os cidadáns de Ourense poderán elixir nas eleccións municipais de maio “entre un alcalde do PSdeG autónomo nas súas decisións e o candidato teledirixido do PP”.

 

O líder do PSdeG e a secretaria de Organización, Pilar Cancela, asistiron á presentación da candidatura socialista para a cidade de Ourense encabezada por José Ángel Vázquez Barquero. “Temos unha moi boa candidatura e un candidato que quere ser alcalde, mentres a outros lles impuxeron ser candidatos á alcaldía”, afirmou Besteiro.

O máximo representante dos socialistas galegos agradeceu o traballo do actual alcalde, Agustín Fernández, e apuntou que “o proxecto de Vázquez Barquero, a diferenza doutros, está pensado por e para Ourense e os seus cidadáns, terá todo o apoio da Executiva galega”.

“Tras o proceso competitivo e democrático das primarias, eu o único que pido é o traballo e o esforzo da candidatura e de todos os militantes, temos que explicarlles cara a cara aos cidadáns o noso proxecto, baseado na igualdade de oportunidades e na defensa dos servizos públicos”, engadiu.

Pola súa parte, Vázquez Barquero manifestou que a candidatura “integra diferentes sensibilidades, temos un proxecto plural para gañar as eleccións municipais e levar estabilidade á cidade, un proxecto socialista que é o que demandan os cidadáns”.