Haberá obradoiros dirixidos a mulleres e cativos.

 

O Concello de Maceda pon en marcha un programa de actividades para conmemorar o Día Internacional das Mulleres.

O día 9 de marzo a partires das 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello celebrarase un acto conmemorativo, coa participación do alumnado do I.E.S. San Mamede presentando o proxecto audiovisual “Corta coas desigualdades”.

A partires do 10 de marzo porase en marcha o programa “Aloumiños: aulas de Crecemento en Igualdade”, que comprende 5 obradoiros dirixidos a mulleres, enfocados cara o crecemento persoal e o desenvolvemento de habilidades de autocoidado. Será os días 10, 17 e 24 de marzo e 7 e 10 de abril, de 17 a 20 horas no Salón de Plenos do Concello. Todos os obradoiros son gratuítos, e o prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de marzo. As inscricións faranse no Centro de Información ás Mulleres de luns a venres en horario de 8:30 a 15:00 ata un máximo de 20 prazas.

O venres, 13 de marzo ás 11:00 horas no Salón de Plenos do Concello terá lugar o obradoiro “Envellecemento saudable en mulleres”, impartido pola Cruz Vermella de Maceda.

Por outra banda, poranse en marcha actividades específicas dirixidas ás nenas e nenos do programa “Mañanceiros” (medida municipal encamiñada a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral) coa colaboración da Cruz Vermella de Maceda, e ás mulleres participantes nos Obradoiros de Envellecemento Activo que se están a desenvolver en oito poboacións do concello, que poderán disfrutar dunha excursión saudable ás Termas de Outariz e un xantar de convivencia.