O BNG e Anova critican que a Policía Local participara no desafiuzamento e piden ao alcalde que aclare esta participación.
Este martes 3 de marzo consumábase o desafiuzamento de María e a súa familia, por impago de varios meses do aluguer, da vivenda na que residían desde fai un ano na avenida das Caldas da Ponte. O despexo, que fora pactado coa comisión xudicial unha semana antes, produciuse entre fortes medidas policiais. No exterior do inmoble, un grupo de membros da Plataforma Stop Desafiuzamentos concentrábanse “para sinalar a mala xestión” da Administración autonómica e “para lembrarlle a sociedade que seguen a botar a persoas a rúa sen que a Xunta ofreza unha vivenda axeitada”.
Tamén varias formacións políticas criticaron o comportamento das institucións neste caso. Por unha banda, o BNG rexistrou un escrito dirixido ao alcalde de Ourense pedindo explicacións pola actuación da Policía Local. En palabras da súa concelleira, Ximena González, “sería bo que nas próximas 24 horas o alcalde nos aclare que facía hoxe no despexo de María a Policía Local e que se comprometa a que o Concello non participará de ningún outro despexo”.
González, que estivo presente tanto na concentración deste martes como na da semana pasada, relatou que os axentes entraron ao inmoble “empurrando ás persoas alí concentradas e logo, cando se ían sacando as poucas pertenzas que quedaban na vivenda, sempre subía e baixaba algún membro da Polícia Local participando así de xeito activo e non testemuñal no despexo de María”.
O BNG acusa ao grupo de goberno de ser “cómplice” no despexo, “cando o papel que tiña que xogar era o de pór todos os medios ao seu alcance para ofrecerlle unha alternativa e axuda que só atopou na Plataforma Stop Desafiuzamentos”.
Membros de Anova Ourense – Irmandade Nacionalista tamén participaron na concentración en defensa dunha vivenda social xusta diante da casa de María, recordando que a Xunta de Galicia admite non ter unha bolsa de pisos en réxime de alugueiro social ou protección oficial para casos de emerxencia social coma este.
Ademais, Anova considera que o número de efectivos policiais presentes no despexo era “totalmente desproporcionado”. Por iso piden explicacións “para aclarar se a orde de desafiuzamento emana do propio concello de Ourense e do seu alcalde” Do mesmo xeito reclaman ao Goberno municipal un compromiso de non execución de desafiuzamentos no municipio e o cumprimento “inmediato” do documento emanado da Comisión Cidadá sobre desafiuzamentos reunida no marco do Pacto Cívico e aprobado por unanimidade por todas as forzas do concello de Ourense.