Poetas chegados dende Ferrol, Vigo, Ourense ou Madrid danse cita este sábado na Rúa con motivo da sétima edición do “Encontro de Poetas en Adega A Coroa” para ofrecer un recital poético aberto ó público.
O vindeiro sábado 7 de marzo terá lugar a sétima edición do Encontro de Poetas na Coroa, unha cita que a bodega ruesa alberga dende os seus comezos e que se converteu xa nunha forma de crear un espazo no que disfrutar do mundo da poesía, o arte e a música, co viño como nexo de unión entre elas. O motivo principal para celebrar este encontro é a poesía e cada un dos anos que se levou a cabo esta cita estivo marcada por unha temática que deu unidade ó acto. Este ano, baixo o título de «A húmeda pel de deus», o encontro vaise sumir no universo da mística e o erotismo.
Sete anos pasaron xa dende que a ruesa Rosa García Machado propuxo facer un encontro de poetas en Adega A Coroa. Sete anos nos que se conta coa presencia de poetas que fan kilómetros dende Ferrol, Vigo, Ribeira Sacra, Ourense ou Madrid para regalar os seus versos e mostrar que a poesía vive e que ten voces que falan a través dela. Hai que nomear tamén a desinteresada colaboración do grupo de música “O Trícole” que enche de acordes a adega acompañando os versos dos poetas.
O acto terá lugar este sábado 7 a partir das 17 horas cando os poetas poñerán voz ós seus poemas nun recital aberto ó público.