Paco Sarria e Manuel Baltar

O presidente da Deputación e do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, participou este mércores nunha nova edición dos Almorzos On/Off do Colexio de Xornalistas de Galicia na nosa cidade.

 

Alí foi preguntado polos posibles resultados do PP nas eleccións á alcaldía de Ourense. “Auguro unha vitoria popular” e “imos loitar por ter maioría absoluta”, foron as súas respostas, ao tempo que demandaba “estabilidade” para o goberno da capital ourensá.

Baltar non cre nos “conglomerados” de partidos: “eu me remito aos feitos nesta cidade e na Xunta de Galicia” pero si deixou aberta a porta a un posible pacto para gobernar. “Pode haber coalicións pero sobre a base de ser positivos”, afirmou. “Evitar que goberne o PP non sei se é un obxectivo que faga medrar unha cidade”, engadiu.

Do candidato, Xesús Vázquez, desmentiu que se trate dun ‘paracaídista’. “Está cos pés na terra, é unha persoa tremendamente accesible, humana e boa xestora”. Segundo Baltar, Vázquez terá “plena capacidade” para elixir os membros da súa lista e facela pública cando estime.

Loubanzas a Rosendo Fernández
Sobre o actual voceiro popular na cidade, Rosendo Fernández, todo foron loubanzas. Fixo “un traballo extraordinario”, é “un militante disciplinado”, “está sempre a disposición” e “é un dos mellores activos do PP de Ourense” foron as verbas coas que se referiu a el Manuel Baltar, que conta con el para seguir como vicepresidente da Deputación. “Sobran os concellos que quixeran levar (na lista do PP) a Rosendo Fernández”, asegurou.

En canto aos resultados do PP no conxunto da provincia, o presidente provincial agarda “incrementar as 65 maiorías absolutas de 2011” e asegurar “un goberno provincial estable, mantendo os 15 escanos”. E isto é así, asegura Baltar, porque só o PP ten “proxecto de provincia”, que presentará o vindeiro 31 de marzo. O político popular tamén expresou o seu desexo de que no futuro os cidadáns poidan elexir os seus representantes na Deputación en urna, como fan cos concellos.

Videoclips como promoción
Baltar tamén valorou o videoclip do cantante Alejandro Sanz rodado no Mosteiro de Oseira e que contou cunha axuda da Deputación de preto de 5.000 euros. “Eu xa dixen que só coas interaccións do primeiro día xa se xustificara que a Deputación colaborara de xeito modesto”, explicou o presidente da institución provincial. Sobre o videoclip de Enrique Iglesias que recibiu preto de 300.000 euros da Xunta para que fora gravado en Galicia, dixo que son “diferentes” pero que en todo caso “a música como xeito de promoción pode ser un camiño tan lícito e tan interesante como unha campaña de televisión”.