Tres dos populares, tres dos nacionalistas e dúas de Democracia Ourensana.

 

A corporación ourensá celebrará sesión plenaria ordinaria este venres a partir das 9 da mañá. Na orde do día están incluídas oito mocións, tres presentadas polo PP, tres polo BNG e dúas por DO.

Os populares queren que se presenten os orzamentos municipais de 2015 para o seu debate e aprobación; que Agustín Fernández, non deixe a alcaldía sen liquidar os 27.966 euros que adebeda, segundo informe da Intervención, pola cota de urbanización da súa vivenda na rúa Clara Corral Aller. Por último, o PP solicita que se busque unha fórmula participativa, a través de concursos escolares ou profesionais, para a elaboración da cartelería municipal en eventos culturais ou festivos.

A primeira das mocións do BNG céntranse no campo de fútbol de herba sintética do colexio Salesianos, do que demandan o seu uso por parte de equipos ourensáns tal e como fixeran hai uns días no pleno da Deputación. Os nacionalistas tamén queren un acordo municipal demandando á Xunta un plan de emprego feminino, e que se inclúan cláusulas sociais nos contratos de obras do sector público.

Por último, Democracia Ourensana propón suprimir as axudas sociais incluídas no acordo regulador dos traballadores do Concello de Ourense, e que se recupere, en colaboración coa Deputación, a Finca Santamariña para ubicar nela o gran parque da cidade.

Outros asuntos

O pleno ten previsto tamén aprobar inicialmente as ordenanzas do centro de día do Concello de Ourense e dos centros cívicos municipais.

Na mesma sesión tamén se dará conta do escrito de renuncia da edil de DO Susana Gómez, da integración de José María García Tejerina no grupo municipal socialista, e do informe de tesouraría sobre o período medio de pago.