Consistirá nun novo portal web para promocionar a gastronomía da provincia dende o punto de vista histórico, etnográfico e culinario.

O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, explicou no marco do Salón Xantar 2015, nun acto dedicado ao cooperativismo e ás confrarías gastronómicas, que “o cooperativismo e os produtos autóctonos reforzan a identidade e a calidade dun territorio como a provincia de Ourense, onde o sector agroalimentario é estratéxico para a nosa economía.”

Baltar avanzou o novo proxecto que está a impulsar a Deputación de Ourense: a web “Saborea Ourense”, un portal de Internet que ten como obxectivo promocionar a gastronomía da provincia dende o punto de vista histórico, etnográfico e culinario.

“Este proxecto, promovido polo goberno provincial, nace do interese de poñer en valor a riqueza gastronómica da provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar, quen engadiu que para elo “estanse a clasificar os recursos existentes en materia de festas e eventos gastronómicos en todos os concellos coa finalidade de recoller o enorme potencial gastronómico que posúe a provincia de Ourense”.

Patrimonio gastronómico, produtos diferenciados, agricultura ecolóxica, produtos orgánicos e elaborados e razas autóctonas aparecen recollidos no proxecto “Saborea Ourense” que ademais é unha plataforma de información e coñecemento para os mercados alimentario e gastro-turístico.

Sector vitivinícola
O presidente provincial tamén destacou o acordo que acadou recentemente co Ministerio de Industria, unha achega de 80.000 euros, que a Deputación destinará a financiar un proxecto de mellora da competitividade e innovación das PEMES do sector vitivinícola da provincia adscritas ás catro denominacións de orixe ourensás: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. A acción principal é a creación do portal web “Enourense”, seguida de iniciativas de apoio ás pequenas e medianas empresas e de estratexias de innovación, ademais de realizar unha diagnose do sector e poñer a disposición das empresas unha plataforma de comercio electrónico e accións de promoción e asesoramento para mellorar a competitividade do sector.

Promercado
Ademais desta iniciativa, Baltar tamén dixo que o Inorde presentou as conclusións do estudo Promercado, unha iniciativa que ten como obxectivo desenvolver accións que permitan impulsar a produción e comercialización dos produtos endóxenos da provincia dende o punto de vista empresarial, de análise de mercado e de cooperación intersectorial.