A Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia organiza estes festexos, que terán lugar o 22 de marzo.

 

Un xantar popular e un festival de cantos tradicionais serán os eixos da II Festa da primavera, que se celebrará en Xunqueira de Ambía o domingo 22 de marzo, organizada pola Asocición Cultural Música e Cultura de Galicia, e que conta coa colaboración da parroquia e o Concello de Xunqueira.

O xantar terá lugar ás 14.30 horas no restaurante Limia de Allariz, e todos os interesados en asistir deben inscribirse na Escola de Música antes do 14 de marzo. Haberá dous menús, un para adultos (cun prezo de 15 euros) e outro infantil (por 9 euros). Ambos constan dun primeiro prato composto por calamares, empanada, entremeses e croquetas. De segundo prato os maiores deben elixir entre salmón á prancha, bacallao á portuguesa, churrasco mixto, tenreira asada e merluza á prancha; e o os cativos, entre macarróns á boloñesa ou milanesa. O prezo dos menús inclúe estes pratos, bebida e postre.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, dará comezo o segundo Festival de Primavera, na Colexiata de Xunqueira de Ambía, e que se iniciará cun breve concerto de órgano, seguido da explicación do seu funcionamento, a cargo de Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Ourense. No festival tamén terán lugar as actuacións do grupo infantil de cantareiras de Música e Cultura de Galicia, do grupo de canto de taberna Cuncas do Son, do grupo de cantareiras Zoadeiras, e da banda de música infantil de Música e Cultura de Galicia.