Trátase dunha proposta de análise en chave positiva que pretende, neste momento crítico, tirar proveito dos argumentos que sinalan unha alternativa de futuro para as linguas minorizadas.
Estes venres 6 de marzo, ás 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá a presentación do libro “Contra a morte das linguas. O caso do galego ” do escritor naronés Miguel Moreira Barbeito.
Baixo este título, editado por Xerais, preséntase unha perspectiva anovadora para a interpretación de dúas realidades interdependentes: a diminución da diversidade lingüística, no nivel planetario, e a situación do galego, no local. Devandito ensaio é resultado da tese de doutoramento de Moreira Barbeito, dirixida pola escritora e profesora Teresa Moure; e a mesma supón unha aproximación ecolóxica ao proceso de morte de linguas mediante o emprego dun modelo metodolóxico que vai do xeral ao particular, alén de facer fincapé en cuestións fundamentais como o concepto de dereito lingüístico ou os procesos de normalización.
Este novo enfoque advirte, entre outras cousas, da perda de falantes da lingua galega e enfatiza sobre a importancia de establecer pautas normalizadoras que garantan o porvir tanto deste coma dos outros idiomas do mundo. Trátase dunha proposta de análise en chave positiva que desbota as visións catastrofistas e que pretende, neste momento crítico, tirar proveito dos argumentos que sinalan unha alternativa de futuro para as linguas minorizadas nos innúmeros contextos de conflito lingüístico.