En cumplimento dunha sentenza do TSXG, que anula o seu nomeamento ao entender que se fixo só para mantela en nómina tras deixar de ser concelleira non electa.
A Xunta de Goberno local de Ourense cesará o próximo luns a Carmen Rodríguez Dacosta das súas funcións como directora xeral de Recursos Humanos, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sentenza, firme e contra a que non cabe recurso, dá por boas as teses do Xulgado do Contencioso número 1 de Ourense, que entendía que o nomeamento de Dacosta como directora xeral fixérase unicamente para mantela en nómina ao non poder continuar como concelleira non electa.
Dacosta compareceu este xoves ante os medios de comunicación acompañada do alcalde, Agustín Fernández, e ambos aludiron a unha “falta de motivación” e un “defecto formal” como as causas que causaron esta anulación.
Malia que acatará a sentenza, o rexedor socialista considera “difícil de entender” que se anule o nomeamento “por querer ser máis garantistas”. “Fixémolo como se fixo sempre, porque decían que era o máis adecuado os informes técnicos e xurídicos”, engadiu
Fernández ve neste caso un “agravio comparativo” con outras administracións que, afirmou, “nomean directamente” ou “por decreto” os seus directores xerais.
O alcalde asume as competencias
O alcalde recoñeceu o labor de Dacosta na área de Persoal , “na miña opinión satisfactoria nun marco moi difícil” e desexoulle o mellor para o seu futuro. Polo momento asumirá el directamente as competencias desta área aínda que analizará a posibilidade de delegalas noutro concelleiro para o que resta de lexislatura.
Pola súa banda, a afectada, número dous na lista socialista ás municipais de maio, non cre que a sentenza lle pase factura política. “Estamos falando dunha sentenza do ámbito administrativo, non ten incidencia orgánica”, asegurou.