A terceira xornada de Xantar estivo dedicada ao Medio Rural e ao Mar, ao Concello de Lugo, á Cámara Municipal de Ponte de Lima e á rexión Centro de Portugal protagonizada por Dao-Lafoes.
“Galicia é a mellor tenda gourmet de España e a comunidade con máis produtos do agro e do mar recoñecidos son selos de calidade e Xantar é o mellor escaparate para a promoción internacional de todos eles”. Con estas palabras inauguraba a conselleira Rosa Quintana, a terceira xornada da feira Xantar en Expourense.
A titular de Medio Rural e Mar sinalou que a promoción dos produtos galegos é tarefa de todos, comezando pola Administración, polo que é preciso traballar para que a calidade conseguida non decaia e traspase fronteiras. Neste senso, Rosa Quintana gabouse da celebración desta feira, que conta por segundo ano consecutivo co selo “Feira Comercial Internacional”, que outorga o Ministerio de Economía e Competitividade, e que serve como claro exemplo de promoción dos produtos galegos.
Este venres foron entregados os premios do V Concurso de Cartaces de Festas Gastronómicas de Galicia e Portugal. Os gañadores foron Sabores do Mar de Esposende (3º), 36ª Festa do Pemento de Arnoia (2º) e o gañador foi o cartaz da 35ª Festa do Viño de Amandi e concedéronse dous accésits a Festa do Melindre de Melide e a 52ª Festa do Marisco de O Grove.
Encontro Ibérico
A terceira xornada do Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde incluiu a ponencia do presidente da Sociedade Vasca de Gastronomía, Luis Mokoroa, recén nomeado presidente de honra do XI Encontro Internacional de Confrarías gastronómicas de Xantar. A actividade continuou coa participación de rapaces de distintos centros educativos de Ourense no programa “O Sabor da aventura está no mar”, unha actividade da Consellería coa que se busca facilitar o coñecemento e consumo de produtos do mar aos máis pequenos dun xeito lúdico.
Medio Rural tamén promoveu o showcooking “O sabor do mar en conserva” no que participou o cociñeiro Flavio Morganti que elaborou varios pratos que despois foron maridados con viños da D.O. Ribeiro. Tamén se celebrou hoxe unha cata dos queixos con Denominación de Orixe de Galicia.
A xornada rematou coa entrega das medallas de Ouro da Fundación Luso-Galaica a entidades destacadas do turismo e a gastronomía de países vencellados con Xantar como Portugal (Illas Azores ou Costa Rica).
Xornada do sábado
A cuarta xornada de Xantar estará presidida pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castra, por ser o día dedicado ao turismo e ao Camiño de Santiago.