O programa de actividades inclúe procesións, celebracións solemnes, un ciclo de conferencias e exposicións, que culminarán o día 5 de abril.
O Carballiño ten preparados un amplo abano de actos conmemorativos da Semana Santa, que se desenrolarán na vila do 14 de marzo ao 5 de abril. Na presentación participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e o confrade maior da Vera Cruz, Rafael Melero.
Manuel Baltar destacou a importancia da Semana Santa do Carballiño “pola implicación dos veciños en potenciar dende 2008 esta actividade relixiosa, que se traduce na participación de nenos e maiores, tanto nas procesións, actos relixiosos e actividades paralelas, e que conta con máis de 200 confrades; todo elo fala ben alto da intensidade coa que se vive este evento”.
Baltar agradeceu ao bispo de Ourense, ao alcalde do Carballiño e ao confrade maior da Vera Cruz por xunguir esforzos neste proxecto que este ano conta coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación, xunto coa Banda de Música do Carballiño e do Orfeón do Carballiño, afianzando a música como protagonista da Semana Santa da vila carballiñesa, ademais dun programa de actividades para os máis pequenos.
O bispo de Ourense destacou que O Carballiño “é un expoñente da Semana Santa en Galicia, unha iniciativa que temos que exportar a outras vilas e cidades da provincia”.
Finalmente, Argimiro Marnotes dixo que a Semana Santa do Carballiño “é unha inmellorable ocasión para que a nosa vila amose o seu patrimonio, a súa cultura e o seu grandioso templo e contorna da Vera Cruz”.
O programa de actividades inclúe procesións, celebracións solemnes un ciclo de conferencias e exposicións, que culminarán o día 5 de abril.