Tiveron que ser remodeladas segundo a normativa da Federación Española de Pádel co obxecto de cumprir coas medidas regulamentarias e os requisitos esixidos durante o seu proceso de construción.

 

O Concello de Verín acaba de finalizar as obras de mellora de dúas das pistas de pádel do complexo da Granxa. As mesmas atopábanse pechadas por deficiencias estruturais alleas á xestión do ente municipal, según explicaron dende o Concello, e tiveron que ser remodeladas segundo a normativa da Federación Española de Pádel co obxecto de cumprir coas medidas regulamentarias e os requisitos esixidos durante o seu proceso de construción: movemento de terras, cimentacións, montaxe de estruturas, montaxe de vidros, colocación de céspede, pintura e equipamento e instalación eléctrica.

A mellora destas dúas pistas súmase as diferentes labores de mantemento, realizadas polo Concello de Verín, nas pistas deportivas do complexo de A Granxa co obxecto de ofertar as mellores condicións de estado das mesmas, así como lograr a súa conservación e durabilidade.

Outras melloras
A estas melloras sumarase nas vindeiras semanas, o arranxo e pintado das pistas de tenis e a construción dun foso e pista de saltos de lonxitude para a práctica do atletismo. As mesmas foron solicitadas polos usuarios da instalación así como polos proxenitores dos menores das Escolas Deportivas do Concello de Verín, e enmárcanse dentro da política de promoción de deporte e saúde desenvolvida polo ente municipal, que inclúe a remodelación das diferentes instalacións deportivas do municipio, ou a realización de actividades relacionadas con este ámbito e dirixidas a toda a poboación.