Na sesión plenaria ordinaria de marzo no Concello de Ourense foron aprobadas inicialmente, cos votos de PSOE e BNG, as dúas ordenanzas sobre centro de día e centros cívicos municipais.
O PP pedira a súa retirada porque “chega tarde e non vai dar tempo a aprobala”.
No apartado de mocións, as tres mocións que presentaba o PP foron aprobadas. A primeira, para que o grupo de goberno presente os orzamentos de 2015, cos votos incluso do Partido socialista, malia as críticas da edil popular Beatriz Tejada á xestión orzamentaria destes nesta lexislatura.
Que o alcalde pague as beirarrúas da rúa Clara Corral
A segunda, para que Agustín Fernández (que se ausentou no debate por ser parte) non abandone a alcaldía sen pagar a cota de urbanización da súa vivenda na rúa Clara Corral Aller (uns 26.000 euros). Déronlle o apoio os nacionalistas, que, aínda así, lles recordaron aos populares que “non ten sentido” volver traer este asunto a pleno; “xa perdimos a conta das veces que Rosendo veu aquí a bater no alcalde”, dixo Ximena González.
A terceira, para que se fagan concursos escolares ou profesionais para elaborar a cartelería municipal que anuncia festas e eventos culturais. A proposta convenceu a PSOE e BNG, que lle deron o seu voto favorable incluíndo unha emenda do Bloque, pero non ao edil de DO, Gonzalo Jácome, que se abstivo, non sen antes pedir que se estendese este modelo de “democracia participativa” que se quere implantar na cartelería “para todo: PXOM, calles, presupuestos…”.
Tamén foron aprobadas as mocións do BNG. O PSOE deulle o seu apoio á proposta de demandar á Xunta de Galicia un plan de emprego feminino, que o PP rexeitou por considerar “oportunista”. Os socialistas tamén apoiaron unha segunda moción nacionalista para introducir cláusulas sociais nos pregos dos contratos que asine o Concello coas empresas. O PP solicitara deixar sobre a mesa este asunto ao considerar que había dúbidas sobre a legalidade dalgún dos puntos da moción.
Finca Santamariña
Non saíron adiante ningunha das dúas mocións de Democracia Ourensana, nin a que solicitaba a supresión das cláusulas do acordo regulador dos traballadores nin a que demandaba a recuperación da Finca Santamariña para destinala “ao gran parque de Ourense”. Iso si, esta última moción propiciou debate sobre se foi pelotazo ou non a venda da finca por parte da Deputación a unha promotora por 8,5 millóns de euros. Jácome propuña agora pagar o triple á propietaria dos terreos para recuperalos, un “disparate” para o rexedor, que defendeu que “se se desenvolvera a área de reparto tal e como está establecida quedaría ben para o sur da cidade”, pois inclúe, ademais dunhas mil vivendas e solo comercial, 67.000 metros cadrados aínda de zona verde así como equipamentos dotacionais.
O escrito de renuncia da concelleira de Democracia Ourensana Susana Gómez concluía a sesión, antes dos rogos e preguntas.