O colectivo feminino representa o 53% dos parados na provincia, segundo indicou a secretaria xeral de CCOO Ourense, Ana Barrios.
Acompañada da secretaria de Organizacion da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense, Lola Panero, e da representante da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO, Pepa Corredoira, Barrios desgranou a situación laboral que viven as féminas na nosa provincia.
O informe de CCOO recolle que na provincia de Ourense hai máis mulleres que homes en idade legal de traballar, pero a poboación activa feminina é inferior á masculina (64.400 fronte a 69.000, con datos de 2014)). A poboación ocupada feminina tamén está por baixo da masculina (50.400 fronte a 54.500). Pola contra, as mulleres son as que máis sofren o paro, o 53% do total de desempregados (a taxa de desemprego está no 21,7% fronte ao 21% dos homes). Un paro que azota a mulleres de todas as idades, “ás máis novas porque lles falta esa primeira oportunidade e non lles queda outra que emigrar, e ás maiores que son expulsadas do mercado de traballo e lles costa moitísimo volver entrar”, relataba a secretaria xeral de CCOO Ourense.
A súa compañeira Lola Panero, achegaba outras das cifras que poñen en evidencia a tese dde que as mulleres ofren con máis virulencia a crise que os homes. Entre 2008 e 2014 perdéronse na provincia 10.100 empregos ocupados por mulleres. A brecha salarial entre unhas e outros é na actualidade dun 14%.
A representante da Federación de Pensionistas, Pepa Corredoira, puxo o acento na situación que viven as mulleres de máis idade. “Unha de cada tres mulleres de máis de 65 anos non cobran pensión fronte a un de cada 10 homes, son mulleres que non puideron traballar ou no contizaron”, explicaba Corredoira, sinalando tamén o feito de que moitas destas mulleres, a diferencia dos homes, cando chegan a xubilarse seguen traballando na casa. “Onde está o noso espazo de ocio?”, preguntábase a veterana sindicalista.