Visita de Feijoo ás obras do hospital de Ourense

O presidente da Xunta indicou que se as empresas construtoras cumplen os prazos, o edificio poderá ser entregado no segundo semestre de 2016.

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, acompañados da responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez, e de deputados autonómicos, visitaron este luns as obras de ampliación do hospital de Ourense. De cumpliren as construtoras os prazos fixados, “estará finalizado todo o edificio ata a 7ª planta neste 2015, para entregalo no segundo semestre de 2016”, afirmou Feijoo trala visita.

A construción do novo bloque de hospitalización permitirá concentrar todas as unidades –un total de 14- nun único edificio fronte aos tres actuais, ben comunicado coas áreas de urxencias, consultas, probas diagnósticas e quirófanos; incrementar o número de camas nun 15% -ata chegar ás 930-; lograr que o 60% das novas habitacións sexan individuais; “e, en definitiva, comezar a mellorar de forma substancial a atención, obxectivo que completaremos nunha segunda fase que actuará sobre as áreas de consultas e servizos centrais”, asegurou o presidente do Goberno galego.

Ademais, o complexo hospitalario ourensán concentrará os proxectos que se desenvolverán ao abeiro do Hospital 2050 e do Innova Saúde, con habitacións monitorizadas, cun servizo de urxencias completamente informatizado, cun hospital autosustentable deasde o punto de vista enerxético e coa creación de consultas móbiles de atención domiciliaria.

O investimento nesta primeira fase de ampliación do hospital é de 41 millóns de euros. Feijoo resaltou en varias ocasións ao longo da súa intervención as dificultades para conseguir financiamento en tempos de crise e poder manter e mellorar así os servizos públicos. “O gran compromiso nesta área sanitaria era buscar financiamento dabondo para non parar a modernización deste hospital”, afirmou. Era unha obra “inaprazable, porque esta área sanitaria non podía quedar á marxe das melloras que estamos levando a cabo noutros hospitais públicos galegos”, precisou.

Nas proximidades do CHUO, un grupo de manifestantes da Plataforma SOS Sanidade Pública e enfermos de hepatite concentráronse para protestar contra a privatización da sanidade e as políticas de recorte do Goberno galego.

Os socialistas tachan a visita de electoral
Con respecto a esta visita, a portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, cualificouna de “descaradamente electoral”. A responsable socialista criticou que o presidente amose un “descaro intolerable” ao utilizar a época electoral para “acordarse agora dunha sanidade que ten devolto á Idade Media” e que “mentres venden o hospital do futuro destrúen o hospital do presente”. Acuña esixiulle ao Executivoo galego que “se deixen de tanto paseo e desbloqueen dunha vez a ampliación do CHUOU, fixando data de inicio e finalización das obras, garantías legais para a súa execución e modelo de financiamento”.

Con todo, o voceiro municipal e candidato socialista á alcaldía de Ourense, José ángel Vázquez Barquero, tamén estivo presente neste acto do presidente da Xunta na cidade.