O sindicato de enfermería denuncia a falla de consideración a estes profesionais, «coa cualificación necesaria e apropiada para ser referentes nos coidados a poboación con trastornos mentais».

 

A saúde mental é para Satse Ourense a gran esquecida do sistema sanitario, malia a alta incidencia deste tipo de transtornos, un 20,05% da poboación maior de 15 anos na nosa comunidade. Unha taxa aínda superior na nosa provincia, segundo indican desde o sindicato de enfermería, apuntando á «alarmante cantidade de suicidios que se producen» (13.4 por 100.000 habitantes cando a media española non chega a 6,7 por 100.000).

Pese a estes datos, a existir no Sergas como categoría propia desde 2007 e a haber ao redor de 90 profesionais de enfermería coa especialidade de saúde mental «no caso de Ourense, soamente se catalogou unha praza da especialidade citada».

Desde Satse manifestan a «imperiosa necesidade» de categorizar novas prazas e «utilizar os coñecementos e preparación destes profesionais para que a atención a saude mental na nosa provincia e na nosa comunidade se desenvolva de maneira efectiva e dea atención dunha forma integral as persoas con patoloxía mental en todas as suas fases».