Vandalismo no Camiño Real de Verín

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, amosa o seu gran malestar polo último acto vandálico que sucedeu a pasada fin de semana no que, por segunda vez en menos de dous meses, roubaron e destrozaron a iluminación eléctrica do Camiño Real.

Se na anterior ocasión, os vándalos romperon os farois do mesmo, nesta arrancaron máis de 300 metros do cable eléctrico instalado baixo terra, así como dez farois nun tramo do Camiño Real que apareceron tirados no propio viario. O arrancado do cable eléctrico impide que o resto de farois situados no camiño teñan iluminación, e obriga a revisar por completo toda a instalación para comprobar si se pode aproveitar nalgún tramo ou é necesario instalar unha nova. Ademais, algúns dos farois apareceron completamente destrozados, o que leva consigo a substitución íntegra dos mesmos. Devandita substitución xa foi realizada o pasado mes de xaneiro, e en menos de dous meses, deberá efectuarse de novo debido a este último acto vandálico, “que como sempre o custe debe ser asumido polos Concellos de Verín e Monterrei, é dicir, por todos os nosos veciños e veciñas”, indica o rexedor verinense.

O Camiño Real é a vía que une o barrio de San Lázaro de Verín co castelo de Monterrei, e trátase dunha ruta utilizada a diario por veciñanza e deportistas. “É unha vergoña que se produzan estes actos que prexudican a todos”, indica o alcalde, que ademais de incrementar a vixilancia policial pide “colaboración cidadá para que se colla a estes vándalos, e así abonen do seu peto estes desperfectos, e non teñan que ser todos veciños os que o paguen”.