Por ampla maioría acordou iniciar dos trámites para a súa posta en marcha. O próximo paso será presentar unha expresión de interese diante do Consello de Goberno o vindeiro 27 de marzo.
O Consello de Campus aprobou este luns por unha ampla maioría “iniciar o camiño” para poñer en marcha o grao en Enxeñaría Aeroespacial en Ourense.
Despois de deixar un período de reflexión para que os representantes deste órgano de goberno o consultasen cos distintos centros e colectivos, nunha sesión extraordinaria deuse o visto e prace á implantación desta nova titulación cun total de 12 votos a favor, cinco abstencións e ningún en contra.
“Estou contento de que unha proposta que iniciamos dende o Goberno sexa agora un proxecto de todo o campus. E con todo o campus teremos que traballalo”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
O seguinte paso será elevar unha expresión de interese ante o Consello de Goberno, que é o órgano competente para iniciar o proceso de tramitación.