Nel establécense as condicións precisas para o mentemento da operatividade e prestación de servizos deste colectivo durante do 2015.

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso Araujo, veñen de asinar un convenio de colaboración entre as dúas entidades para o mantemento da operatividade e prestación de servizos da agrupación no ano 2015.

O obxecto do mesmo é regular as bases de colaboración entre o Concello de Verín e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín destinado ao cumprimento dos estatutos actuais da agrupación, no que se estipula que a Protección Civil Municipal ten coma fin establecer unha organización en base aos recursos municipais, para garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer as emerxencias menores, mediante a posta en marcha de distintos mecanismos que permitan evitar estas situacións, reducir os seus efectos, reparar danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas.

Entre as cláusulas que regula o mesmo atópanse o financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade da agrupación, a cesión da utilización dun espazo para a mesma, mentres que a agrupación comprométese a dar ou facilitar a formación necesarias aos seus membros, así como atender ás demandas de servizo que faga o Concello de Verín, a Xunta de Galicia a través do 112 e outras entidades públicas ou privadas (previa autorización do Concello de Verín), entre outras.

A sinatura de devandito convenio establece as competencias dos concelleiros e alcaldes en materia de protección civil para a realización de actividades diversas en situación de emerxencia; e di que na medida en que o permitan os recursos orzamentarios, o Concello poderá subvencionar económicamente ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, tanto polo que se refire a gastos xerais como ás actividades que realicen.

Ademais, poderase crear un servizo civil para o cumprimento de fins de interese xeral e que mediante lei regularanse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública.

 

Inscrición voluntaria
Para o cumprimento do establecido parece necesario que se contemple o aumento dos recursos locais coa incorporación dos cidadáns ás actividades que desenvolva a Protección Civil Municipal.

Así, desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín recorda que toda persoa interesada en ser voluntaria da entidade pode formalizar a súa inscrición a través do envío dun correo electrónico cos seus datos persoais a pcivil@verin.net; así como que a Academia Galega de Seguridade (AGASP) abriu o prazo de inscrición, ata finais deste mes de marzo, para apuntarse na realización do curso básico de Protección Civil.