Persoas participantes no proceso poñen en común os seus pareceres e discrepancias sobre o proceso de Primarias Cidadás Abertas. A semaana próxima volverá haber asemblea.
Ourense en común desenvolveu ao longo desta semana un intenso debate no seo da súa asemblea que se prolongou ao longo de dúas xornadas. A celebrada este xoves no Campus Universitario de Ourense contou coa participación dun cento de persoas.
En exercicio do principio de transparencia, as persoas que integran Ourense en común queren compartir coa cidadanía este debate. Algunhas das persoas participantes na asemblea amosaron discrepancias sobre a lexitimidade dos resultados do proceso de Primarias Cidadás Abertas, tanto polos patróns de voto como por algunhas das persoas elixidas. Se ben non se pon enriba da mesa o incumprimento do regulamento que arbitraba o proceso si se argumentou sobre os principios fundacionais de Ourense en común. Outras das persoas dan por válido o proceso de primarias e apelan á unidade para sair adiante.
Ábrese un proceso de reflexión nas persoas participantes e convídase, unha vez máis, á cidadanía a tomar parte activa nel, tal e como sempre o fixo, apelando ao principio de participación.
Convocouse unha nova asemblea que se celebrará ao longo da vindeira semana e na que se continuará coa análise ética e política desta cuestión. Existe unha clara vontade das persoas que integran este proceso municipalista de resolvelo da mellor maneira posible non só para a propia continuidade do mesmo se non en atención aos principios fundamentais sobre os que se constrúe, asumindo a responsabilidade que se ten coa cidadanía de Ourense.