Para incentivar a instalación de novas empresas no parque empresarial da localidade e dinamizar a actividade económica e o emprendemento neste pequeno concello ourensán.
O Goberno local de Vilar de Santos sitúa a dinamización económica como un obxectivo prioritario e por iso puxo en marcha o polígono empresarial de Santa Marta xa no ano 1998. Ocupa na actualidade 225.000 metros cadrados de superficie con 23 empresas instaladas que dan emprego directo a máis de 110 persoas, ás que hai que sumarlle o emprego inducido. Neste momento, restan por vender 33.000 metros cadrados de solo industrial no polígono.
Na coxuntura actual, o Concello vén de pór en marcha un plan de competitividade do solo industrial. «Pretendemos activar a venda do solo industrial do Parque Empresarial e desta forma dinamizar a actividade económica e o emprendemento, co obxectivo tanto de reforzar o tecido empresarial do concello, modernizando e mellorando a súa competitividade, como de impulsar e fixar novas empresas con capacidade para xerar novos postos de traballo e consolidar as bases para que as diferentes iniciativas teñan e vexan en Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e asentarse», indica o alcalde, Xan Jardón.
Entre as principais medidas que recolle o Plan nunha primeira fase, destaca o acceso inmediato ao solo industrial dispoñible. En concreto, está prevista a venda cunha rebaixa do 10% no prezo establecido na última venda pública, quedando fixado o prezo final en 18 euros o metro cadrado.
Outra medida importante é o arrendamento con opción de compra de parcelas. O concello concede aos arrendatarios, un dereito de opción de compra da parcela polo prezo de venda sinalado. A renda queda fixada no 6% anual do prezo de venda de cada parcela.
Tamén se estableceu unha liña de incentivos coa modificación do ICIO, fixando unha bonificación do 80% da cota do imposto a favor daqueles proxectos que sexan declarados de especial interese municipal por fomentar e crear emprego en Vilar de Santos.
O Concello tamén ofrece seguridade xurídica, competencia técnica e axilidade nos trámites de licenza, e dará prioridade á instalación de proxectos, servizos e empresas do sector agrario e agroalimentario, estratéxico no concello e na Limia.
Ademais, a Axencia de Desenvolvemento Local do Concello multiplicará o seu labor tanto no apoio ás empresas asentadas no concello, como á creación de novas, a formación, a xestión de axudas e subvencións de interese e no asesoramento, información e asistencia para os emprendedores en novos proxectos e iniciativas.
Finalmente, estableceránse novas accións de dinamización e estudo de alternativas relacionadas coa promoción das empresas e dos diferentes sectores de actividade, ao mesmo tempo que tamén se analizan outras medidas e incentivos así como novas posibilidades de inversión no concello.