Acto Día Mundíal Síndrome Down

O  vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, e a presidenta de Down Ourense, Mara Prieto, presidiron este sábado en Ourense o acto institucional do Día Mundial da Síndrome de Down.

 

Nesta edición, o acto foi seguido dunha gala musical e entregaranse os II Premios Down Galicia, co obxecto de recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

Dous mozos e unha moza con síndrome de Down fixéronse cargo da presentación do acto e da lectura do Manifesto pola Autonomía Persoal, seguido dun vídeo no que recordaron que «a vida non vai de cromosomas». Foron os encargados, ademais, de entregar os Premios Down Galicia que, nesta segunda edición recaeron, na categoría de persoa individual, en Agustín García Montero, traballador de BBVA que fixo posible varios programas de prácticas formativas para persoas coa síndrome de Down en oficinas deste banco en toda Galicia; e na categoría institucional na Fundación Bancaria La Caixa, polo seu apoio continuado ao longo dos anos aos programas de acción social que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Ao acto institucional seguiulle unha parte máis lúdica presentada polo actor e produtor ourensán Rubén Riós, que estará acompañado por mozos e mozas de Down Ourense. Trátase dunha breve gala musical na que actuarán a Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense, na que participa unha nena coa síndrome de Down, a Academia de baile Enka, na que participa unha moza coa síndrome de Down, o coro de cámara Capela Madrigalista e o cantautor Emilio Rúa.

Mellorar a integración das persoas con discapacidade

Neste acto, o vicepresidente da Xunta destacou que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego é a mellora da integración e a calidade de vida das persoas con discapacidade. Por iso, en 2015 a Xunta de Galicia incrementou por segundo ano consecutivo os orzamentos para a discapacidade, alcanzando unha cifra global de 100 millóns de euros; o que supón un crecemento ao redor do 9% nos dous últimos anos.  Ademais, a Consellería de Traballo e Benestar incrementou en case 850 as prazas públicas para este colectivo desde 2009 e destinou 17,7 millóns de euros ao emprego para as persoas con discapacidade, dos cales preto da metade están dedicados aos Centros Especiais de Emprego de todo Galicia e os seus 2.000 traballadores con discapacidade.

Rueda estivo acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, cuxo departamento colabora anualmente con Down Galicia, a través da orde de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Desde 2009 a Secretaría Xeral da Igualdade subvencionou a Down Galicia con máis de 100.000 euros que, entre outras cousas, empregáronse en investimentos en novas tecnoloxías e para programas de información, asesoramento e orientación laboral para mulleres con algún tipo de discapacidade.

Down Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que desde o ano 1998 agrupa ás asociacións específicas para a síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outras moitas funcións, esta asociación encargase de coordinar programas e servizos, colaborar na elaboración de materiais de sensibilización e información e ofrecer servizos de atención especializada. Teñen delegacións en cada unha das sete grandes cidades galegas.