O grupo municipal denuncia que o Partido Popular tomase a decisión de suspender a tradicional romaría sen comentalo coa oposición.

 

Con motivo da suspensión por parte do Concello de Celanova e a Deputación de Ourense da celebración o vindeiro 17 de maio da romaría Raigame, como sinal de loito polo homicidio do párroco de Vilanova dos Infantes, o grupo municipal do BNG de Celanova denunciou que o PP, co rexedor á fronte, José Luis Ferro, “en ningún momento consensuou co resto da corporación a toma de decisións tan importantes como a declaración de loito oficial durante tres días nin moito menos a de suspender a celebración da romaria Raigame”, asegura o portavoz nacionalista, Leopoldo Rodríguez, que explicou que o loito oficial llo deu a coñecer o alcalde celanovés “por whatsapp”.

Apelando ao malestar xerado por esta decisión nos veciños de Celanova e Vilanova e asegurando que o PP se guiou únicamente “polos seus intereses de partido”, dende o BNG esixen que unha determinación similar debería “ter o consenso maioritario da poboación implicada, xa que o sentir popular non ve incompatible realizarlle a homenaxe á figura de don Adolfo e celebración dos actos da romaría”, aclara Rodríguez.

Por iso, defenden o mantemento do programa previsto. “A non celebración da romaría ocasionará importantes trastornos, algúns moi importantes de tipo económico: grupos culturais, notables perdas na hostalería e no sector servizos, falta de promoción de toda a área de incidencia da romaría…”, reclama o voceiro.

Non obstante, dende o BNG inisten na súa “repulsa total ao acto vandálico do asasinato do párroco”, pero consideran esencial “a separación deste grave feito cunha toma de decisións que entra máis no plano politico e social, a cal o PP non quixo separar en ningún momento”.