Tivo moito éxito de convocatoria o taller de cociña creativa.
Durante as tres xornadas da Feira do Lázaro e o Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’, máis de 250 nenos do municipio e das localidades próximas participaron nos obradoiros infantís e no servizo da ludoteca, realizados no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.
Os días 20, 21 e 22 de marzo, os máis pequenos asistiron a actividades de manualidades e xogos con material reciclable, maquillaxe infantil, animación con zancudos, obradoiros do Día do Pai ou de chocolate e pan. As mesmas tiveron lugar no espazo infantil ‘Pequelázaro’, situado no ximnasio do pavillón, e congregaron a decenas de menores ao longo dos tres días, sobre todo en horario vespertino.
Tamén tivo gran éxito o obradoiro de cociña creativa para nenos, impartido pola Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM) coa colaboración da Antena Local de Verín da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, e durante o que tres restauradoras pertencentes á AEHCOM ensinaron en directo como elaborar diferentes pratos, principalmente sobremesas, e nos que contaron coa colaboración dos nenos que se atopaban no recinto. Por outra banda, tamén contou con grande asistencia de público a o espectáculo de grupos de baile e acrosport infantil, no que participaron un centenar de menores do municipio.