No marco do Plan de Eficiencia Enerxética para os hospitais públicos, instaláronse dous novos equipos térmicos que usan a biomasa como combustible cunha potencia térmica total de 1.000 kw.
Inclúense, tamén, sistemas de almacenamento da biomasa e de dosificación a caldeiras, ademais dos sistemas de filtración de gases de combustión. O investimento supera os 350.000 euros.
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, lembrou que o principal obxectivo do Plan é promover medidas de aforro enerxético, económico e de emisións ambientais, mediante a eficiencia enerxética e a incorporación de equipamentos térmicos alimentados con biomasa nos distintos centros hospitalarios do Sergas, como a caldeira que este venres visitou no Hospital de Verín.
Rocío Mosquera afirmou que os plans de eficiencia enerxética do Sergas están implantados en máis do 70% da totalidade dos nosos centros hospitalarios. O aforro económico xa xerado, ata decembro de 2014, supera os 5,8 millóns de euros, e o aforro estimado para os custes enerxéticos nos vindeiros 8 anos é de 50 millóns de euros.
Tal e como explicou Rocío Mosquera, ata o de agora licitáronse e adxudicáronse cinco actuacións que afectan a 20 centros hospitalarios. Así, -dixo a conselleira-, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense está en marcha dende setembro de 2014.
No que atinxe ás caldeiras de biomasa, xa están en funcionamento dende este pasado mes de decembro no hospital de Verín e nos da Costa en Burela; de Calde, en Lugo; e de Monforte.
Así mesmo, para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o Sergas investiu en equipamentos, dentro do proxecto Hospital Autosustentable, máis de 3,2 millóns, que inclúen unha caldeira de biomasa de 3.000 kw.
[Fotografía de Borys Martínez]