A Unión Deportiva Ourense vivirá a Semana de Paixón con dous partidos contra A Peroxa por un posto na final da Copa Deputación B.
E o equipo non pode chegar de mellor maneira: con pleno de vitorias na competición doméstica. 22 vitorias (23 se contamos o partido da segunda volta contra o desaparecido Arcos) noutros tantos encontros. Se ben é certo que chegan con algún xogador tocado e con moitas molestias, típicas da altura de tempada na que estamos e da idade de moitos dos xogadores unionistas.
Castrelo de Miño
Contra o Castrelo, Antonio Dacosta había ideado un guión o cal seguiuse sen contratempos. Sacar pola vía rápida o partido sin que ninguén saíra mancado, e dar descanso a algún xogador de cara á difícil eliminatoria de Copa contra A Peroxa; agardan dous partidos en catro días.
Fran Álvarez encargouse de encarrilar o encontro cun gol nos cinco primeiros minutos de encontro. En menos de 15 minutos a UD xa poñía terra de por medio co cabezazo de Chechu que supoñía o dous a cero. Antes do descanso, Roberto Dacosta firmaría o terceiro de falta directa.
Na reanudación o técnico comezou a mover o banco para dar minutos a uns e refresco a outros. Santi sería o encargado de poñer o 0-4 e un gol en propia porta redondearía a goleada: 0-5.
180 minutos
A Unión Deportiva Ourense está a 180 minutos de acceder á final da Copa Deputación B. Enfronte estará un Peroxa que marcha líder indiscutible do grupo noveno da Segunda Rexional. Para Antonio Dacosta «a Peroxa está practicamente en Primeira e nós teremos que traballar moito para sacar esta eliminatoria». Para o técnico da UD «esta é a primeira vez que non partimos como favoritos nun partido».