Unha das principais singularidades é un ámbito de solo urbanizable de nova creación que permite a ampliación do polígono industrial de Trado.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Pontedeva.

Este documento permite ordenar os preto de 10 quilómetros cadrados de superficie de Pontedeva e establece máis dun 90% da superficie do concello como solo rústico protexido.

Unha das principais singularidades que recolle o documento é un ámbito de solo urbanizable de nova creación, que permite a ampliación do polígono industrial de Trado, que achegará novas oportunidades económicas e de emprego a este municipio, facendo que sexa un lugar máis competitivo e atractivo para os investimentos.

O PXOM establece unha capacidade residencial total de case 800 vivendas, das que un 31% será de nova creación e tamén incrementa as previsións que marca a lei no relativo á dotación de espazos libres e zonas verde case un 18% do esixido. Situación similar á relativa ao equipamento comunitario que impón a normativa, xa que non só se supera senón que se multiplica por 13.

O plan xeral de Pontedeva contou cun importante apoio por parte de Goberno galego, tanto a nivel técnico, coa celebración dun total de 7 reunións técnicas, como económico, xa que a Consellería de Medio Ambiente concedeu axudas por un importe de 78.000 euros.

Na actualidade son 81 os concellos que contan cun planeamento adaptado, 28 pertencentes á provincia de Ourense, o que sitúa a esta provincia como a segunda en número de concellos que contan con PXOM aprobados e adaptados á lei vixente.