O remanente de tesourería incrementouse ata os 245.578 euros.

 

Vén de coñecerse a liquidación do orzamento de 2014 do Concello de Vilar de Santos. Nesta liquidación destacan como datos relevantes o resultado orzamentario positivo que indica que o Concello deu financiado a súa actividade e proxectos; e por outro lado o remanente de tesourería para gastos xerais de 245.578,19 euros, un 144% máis respecto ao ano 2013; “un excedente de liquidez co que contamos e podemos dedicar a reforzar e financiar un maior volume de gasto para a inversión produtiva e proxectos”, apunta o alcalde Xan Jardón.

Jardón explica que estas cifras foron logradas “grazas á xestión e ao control e racionalización dos gastos correntes municipais, pero sen renunciar á inversión o que permitiu operar con máis eficacia e máis autonomia e alcanzar os obxectivos previstos a pesar das limitacións e restricións impostas polo goberno central e a Xunta”. Outros aspectos fundamentais desta liquidación son a inexistencia de débeda pública, de ningún plan de axuste e de débeda con provedores e cumprindo cos principios de eficiencia e estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira.

Segundo indicou o alcalde, o remanente de tesourería para gastos xerais será empregado en proxectos xa definidos en varias áreas de actuación relativas á dinamización da actividade económica e o emprego, a aposta polos servizos sociais municipais e continuar ca mellora das infraestruturas e equipamentos públicos do concello.

As contas da liquidación do orzamento poñen de manifesto “a nosa capacidade e solvencia que se incrementou nestes anos desde o 2011, proporcionando seguridade económica e permiten afrontar o futuro con melloras nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos, e reflicten o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público” di o rexedor galeguista.