Celebraranse o 11 e 12 de abril, contarán con parte teórica e práctica, e as prazas son limitadas.

 

O Concello de Verín organiza as cuartas xornadas de fotografía, na especialidade de iniciación, durante a fin de semana do 11 e 12 de abril.

Devanditas xornadas, cun número de prazas limitadas, serán impartidas polo fotógrafo Sergio Crespo, e nelas analizaranse cuestións referentes ao manexo dunha máquina fotográfica (distancia focal, apertura de diafragma, tempo e velocidade de exposición, sensor e sensibilidade, obxectivo, exposición, enfoque, profundidade de campo ou medición da luz, entre outros conceptos).

Durante o sábado 11, de 11 a 13 horas, na aula CeMIT do Concello de Verín (situada na Casa da Xuventude) terá lugar unha clase teórico-práctica para as persoas que se inicien no mundo da fotografía, e a partir das 16 horas, os participantes realizarán unha saída fotográfica para poñer en práctica o explicado durante a mañá. E xa o domingo 12, de 11 a 13 horas, tamén na aula CeMIT terá lugar unha nova clase na que se revisarán resultados, corrixirán e erros e afianzaranse conceptos.

Para participar nesta iniciativa, cun prezo de 8 euros, é necesario contar cunha cámara de fotos con controis manuais, así como inscribirse en Naturhouse (rúa Doutor Pedro González, ou no 615 25 19 64).