O domingo 26 de abril o barrio do 21 abrirá o V Circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense. Seis serán as probas que se disputen deste circuíto.

Presentouse en rolda de prensa esta edición dun evento que cada vez conta con máis inscritos en todas as categorías que se disputa. O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu a presentación na que estiveron presentes organizadores, patrocinadores e membros da comisión técnica.

A primeira das citas chegará o último domingo do mes (26 de abril, a partir das 12 horas) no 21, e como en anteriores citas celebraranse catro carreiras. Ás 12 horas, os Pitufos darán o pistoletazo de saída a esta quinta edición cunha carreira duns 100 metros; ás 12.10h será o turno dos benxamíns e os alevíns (1.500 metros); ás 12.15h tocaralles aos infantís e cadetes (2.400 metros) e pechará a primeira cita a carreira absoluta (xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteráns) a iso das 12.30 horas cun percorrido duns 6.000 metros. A saída e meta de todas as carreiras estará situada na rúa Madre Soledad.

Inscricións
As inscricións xa están abertas na web www.deportesourense.com e pecharanse o mércores 22 de abril. O custe será de 7 euros para os que teñan o chip en propiedade e de 15 para os que o teñan que mercar (as categorías desde pitufos ata xuvenís -as dúas incluídas- serán de balde).
Ao día seguinte de cada carreira abrirase un período de inscrición que durará ata o mércores anterior á seguinte carreira. Os inscritos poderán participar en todas as probas ata o final do circuíto.

Participación
É preciso participar en cinco das seis carreiras para entrar na clasificación xerál. En caso de participar nas seis, desestimarase o peor resultado. Os que entren na clasificación recibirán un agasallo unha vez rematado o circuíto. Os premios aos mellores e os agasallos aos participantes entregaranse o 14 de novembro nos Remedios, previo á San Martiño.

Por equipos
A novidade deste ano é o premio por equipos mixtos de dobres parellas. Terán catro representantes cada grupo e estará conformado, obrigatoriamente, por dous homes e dúas mulleres.
Os tres primeiros de cada categoría obterán trofeo e, ademais, levarán un cheque en material deportivo o primeiro, segundo e terceiro clasificado da absoluta (300, 200 e 100, respectivamente). Todos os pitufos que cheguen á meta en cada carreira serán agasallados cunha medalla.

As carreiras
Á carreira do barrio do 21 a seguirán as do Couto (30 de maio), Centro (28 de xuño), Ponte (6 de setembro), Universidade (27 de setembro) e finalizarase no barrio da Carballeira (25 de outubro).