O Ourense Envialia busca a súa presenza na próxima Copa. Esta xornada enfróntase ao líder, Futsi.

 

O Ourense Envialia ten ante si seis finais, que son os partidos que restan para o remate da Liga. O obxectivo é estar na vindeira edición da Copa de España, unha obriga antes de comezar a tempada para un conxunto que por plantilla debería estar nas catro primeiras posicións. Lesións e falta de gol nalgunhas fases da competición fixeron que as ourensás marchen sextas con 45 puntos a cinco da cuarta posición.

As albinegras loitarán ata o final sabendo que o ano que vén Óscar Vivián non será o técnico do equipo. O adestrador anunciou a semana pasada que non continuará na disciplina por desgaste despois de catro anos en dous períodos.

Futsi e Burela
Se complicada é a empresa que ten por diante o Envialia, o seu pico máis difícil o terá nas próximas dúas xornadas. Esta fin de semana visitan o pavillón La Estación de Navalcarnero (Madrid) para enfrontarse Futsi. As madrileñas están lanzadas cara ao título ligueiro, pero seguidas moi de preto polo Cidade. O Futsi é o conxunto da Primeira División coa mellor plantillas. As Leti, Belén de Uña, Arianna, Ju Delgado e compañía, fan que sexa un equipo case que invencible.

Despois deste encontro terán que recibir nos Remedios (xornada número 26) ao Burela, terceiro clasificado. De como saían destes dous encontros saberase as posibilidades reais do equipo de entrar na vindeira Copa.

O Ourense Envialia busca alcanzar a cuarta posición, ocupada polo Universidad de Alicante que está a cinco puntos. Outro convidado de pedra para a loita pola cuarta praza é o Alcorcón, próximo rival do Cidade. As de Vivián deberán recurtar cinco puntos nas seis xornadas que faltan para que remate a Liga.